Thursday 19 de September de 2024

A asemblea da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia elixe por unanimidade a nova xunta directiva, presidida por Santiago Freire Abeijón


A nova directiva aposta por dar un novo impulso ao Camiño e conseguir a súa oficialización por parte da Xunta de Galicia

A Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia celebrou unha asemblea xeral extraordinaria na casa consistorial noiesa para elixir unha nova xunta directiva. Un procedemento ao que se presentou unha candidatura única e de consenso por parte dos nove concellos integrados na asociación e dos distintos partidos políticos representados (PP, PSOE, BNG e Compromiso por Outes).

Unha candidatura encabezada polo alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, quen será o presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia, sucedendo así a Teresa Villaverde Pais, quen presentou a súa renuncia por motivos persoais na asemblea xeral celebrada o pasado 15 de xullo. Freire Abeijón estará acompañado por:
– Guarina Rey Vázquez, concelleira de Turismo de Brión, como vicepresidenta
– María Lago Lestón, alcaldesa de Muros, como secretaria
– Manuel González López, alcalde de Outes, como tesoureiro
– Esteban Ares García, primeiro tenente de alcalde de Lousame, como vogal

Próximos desafíos

A asemblea da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia contou coa participación dos alcaldes: Blas García (Ames), María Lago (Muros), Santiago Freire (Noia) e Luís Oujo (Porto do Son), así como co tenente de alcaldesa de Lousame, Esteban Ares; e coas concelleiras de Turismo Guarina Rey (Brión), Soledad Agra (Outes) e Mercedes Basanta (Rois).

Todos eles coincidiron en recoñecer o traballo realizado pola presidenta saínte, baixo cuxo mandato se puxo en marcha a Asociación, se definiu a historicidade do Camiño, se conseguiu o seu recoñecemento pola Igrexa e se iniciaron os traballos de restauración e sinalización do mesmo, entre outras iniciativas. Así mesmo, agardan que a entrada desta nova xunta directiva supoña un novo impulso ao Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia que permita conseguir a tan agardada oficialización como ruta xacobea por parte da Xunta de Galicia.

Tras a toma de posesión dos seus cargos da nova xunta directiva, a asemblea da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia repasou as próximas accións a desenvolver: continuar coa restauración ambiental e paisaxística de distintos tramos do Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia nos cinco concellos da Ría da Estrela; seguir cos traballos de sinalización e balizamento do Camiño nos nove municipios, tarefa que se agarda rematar este mesmo ano; e manter as accións promocionais que se están a desenvolver ata o de agora.